Tuesday 14 de May de 2024

A futura planta de hidróxeno no Porto Exterior da Coruña recibe informe ambiental favorable da Xunta


As instalacións ocuparán unha superficie de 3.000 m2 na explanada sur de Langosteira e terán unha capacidade máxima de produción de 1 MW, que se destinará á mobilidade

A Xunta acaba de informar favorablemente desde o punto de vista ambiental o proxecto para construír unha planta de produción de hidróxeno no porto exterior da Coruña, no municipio de Arteixo.
Así consta na Declaración de impacto ambiental (DIA) emitida pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que confirma a viabilidade de Green H2 Langosteira e permitirá ao seu promotor —Enerfín Renovables VI, SLU— poder seguir co resto de trámites necesarios para a construción do proxecto, que deberá contar con todas as autorizacións e permisos.
En todo caso, cómpre lembrar que se trata dunha instalación sometida a Autorización ambiental integrada (AAI), polo que se deberán de cumprir os condicionantes que se establezan na referida autorización, unha vez se outorgue.
A futura planta de Green H2 Langosteira contará cunha capacidade máxima de produción de 200 Nm /h (17,9 kg/h), 1 MW e todo o hidróxeno producido se destinará á mobilidade, concretamente ao seu uso en vehículos pesados (autobuses e camións), así como en maquinaria do porto. Co obxecto de acadar este fin, as instalacións contarán con dous dispensadores que proporcionarán hidróxeno aos vehículos.
O proxecto conta con 3.000 m2 na denominada explanada sur do porto exterior para albergar a planta de produción de hidróxeno para 1 MW, mais os seus compoñentes auxiliares, necesarios para garantir un correcto funcionamento, e un perímetro de valado de 220 metros.
Neste senso, na área de implantación prevista cómpre sinalar que non existen figuras de espazos naturais protexidos recollidos pola lexislación autonómica ou estatal ou hábitats de interese comunitario.